Páxinas

5 de nov. de 2008

Procesión do Sagrado Corazón a pasar por Juana de Vega

Alberto Martí | La Voz de Galicia

Estampa habitual do nacional-catolicismo franquista: eventos relixiosos multitudinarios, bandeiras españolas nos balcóns e os corpos de seguridade do Estado, neste caso a Garda Civil, a participar de xeito activo. Costumes que se manteñen en grande medida nos nosos días e nos que pouco a pouco se incorpora a bandeira galega.

No caso que nos ocupa a procesión pasaba por Juana de Vega pouco despois de partir dende a igrexa dos Xesuítas, os edificios que se ven ao fondo foron derrubados e na esquina que se pode ollar case no centro da imaxe atopamos hoxe unha tenda da cadea Opencor.

Hoxe gustaríanos poder ter unha imaxe do barrio dos Mallos tal e como nos pediran os nosos amigos do blog Barrio dos Mallos no anteior post mais descubrimos que nos falta a única imaxe que tiñamos no arquivo, o cal nos anima non só a recuperala senón a aceptar o reto de atopar máis.

Dito isto último aproveitamos para pedir a colaboración dos nosos lectores e para dicir tamén o que dabamos por feito, e é que se aceptan peticións. O xeito de poñérmonos en contacto entrementres non fixemos unha conta de correo á que vos podades dirixir, será a través dos comentarios e para a tranquilidade de quen queira deixar o seu enderezo electrónico nos mesmos aclararlle que o borraremos inemdatamente en canto teñamos constancia del.

A primeira petición, que nos facía Rosa, sobre as casas que había en Panadeiras xunto ao famoso pub Dublin, quedou satisfeita parcialmente a falta de que nolo confirme a propia interesada, ao atopar unha foto da zona na que semellan aparecer unhas casas que na actualidade non existen na cafetería La Barra, sita na rúa Xoán XXIII.

Ningún comentario:

Publicar un comentario