Páxinas

6 de mar. de 2009

Cachiños do meu cerne: Moinelos (Monelos) e os Muíños

Chegaron de Vilalba e traspasaron un ultramarinos nos Muíños, o barrio que nos anos sesenta estaba unido ao de Muinelos. Eles eran os pais de Fuco Paz Souto (Coruña, 1955) quen medio século despois evoca daquel establecemento que, entre outras moitas cousas, vendía piñas «para prender o lume nas cociñas bilbaínas». Este profesor que acaba de publicar o seu primeiro libro expón un problema: «¿Como lle explicas agora iso das piñas e da bilbaína a un rapaz de 13 ou 15 anos cando o que ven para prender o lume son as pastillas do churrasco?». O certo é que Fuco Paz o explica moi ben coa xeografía e os personaxes daquel barrio dos Muíños nos seis relatos autobiográficos que figuran no seu primeiro libro Cachiños do meu cerne (Toxosoutos).

O día da presentación do libro, que tivo lugar na biblioteca González Garcés, preguntou aos numerosos asistentes se lembraban o emprazamento daquel vello ultramarinos, que no cartel poñía Casa Pepe «pero todo o mundo lle chamaba O bodegón»; para a súa sorpresa, e satisfacción, varias persoas lembraban o ultramarinos no soar que agora ocupa dita biblioteca. De todos xeitos, apunta que as casas da barriada era semellantes ás que aínda se conservan no chamado Camiño da Igrexa, unha rúa preto do templo de Santa María de Oza, que a extensión do mesmo chegaba até Matogrande. Nesta media ducia de relatos autobiográficos aparecen recollidos nomes e andainas da época, como «cando íamos mercar ao centro, a rúa Real ou a María Pita»; daquel xenérico centro era a librería Encuadernaciones López na que o seu pai lle mercara o material escolar e da que lembra a enorme ilusión que lle fixo un afialapis que trouxera.

Todo isto, e máis, está contado nos primeiros seis relatos curtos deste libro, «dedicado ao mundo xuvenil». Nos outros seis que completan o volume «conviven o bucolismo desa primeira etapa e máis o lirismo cun mundo adolescente e adulto, no que a descuberta do amor, a procura do amor e a consagración do amor, conflúen nunha antítese sacrificio-esperanza, vileza-solidariedade e amargura-alegría, representada na pel de Seydou, un emigrante protagonista da cultura do esforzo e do sacrificio, que o converten en abandeirado dos que procuran dignidade embarcándose nun caiuco, buscando un mundo mellor».

La Voz de Galicia


Alberto Martí | Colección Brigantium
Na imaxe de Alberto Martí pódense ollar, á esquerda da avenida da Vedra, algúns dos escenarios dos relatos de Fuco Paz, o barrio dos Muíños, entre os que destaca a granxa experimental. E en primeiro termo, na marxe dereita da avenida atopábase unha gran propiedade cunha cas de indiano na que residiu durante moitos anos un coruñés ao que os veciños aínda lembran como Don Elías.

1 comentario:

  1. Hola Brigantium, me interesaria que contactaras conmigo, para comentarte lo que ha conseguido tu, no se si conocido, enjoy o pablo o como se llame.
    Tienes mi mail en el perfil.
    Gracias

    ResponderEliminar