Coruña debe desde sempre a súa razón de ser ao mar, o comercio e o transporte marítimo foron tradicionalmente os impulsores do crecemento da urbe herculina. Mais na transición dos ss. XIX ao XX un novo concepto ata entón descoñecido irá tomando forma: o turismo. Donostia primeiro e Santander e Coruña despois tentarán facerse un oco no panorama turístico internacional. A nosa cidade verá nos últimos anos do XIX e nos primeiros do XX como se constrúen importantes infraestruturas hoteleiras de diferentes categorías. Entre estas construcións a mais luxosa e relevante será o Atlantic Hotel. Neste proceso de construción de instalacións turísticas e de lecer na cidade ten un papel importante a sociedade : La Parisina S.A. presidida polo insigne político Santiago Casares Quiroga e que será a promotora do hotel.
Inicialmente esta sociedade proxecta unha reforma do Kiosco Cinema Coruña con planos de Leoncio Bescansa (arquitecto da agulla da igrexa dos Xesuítas e das escolas Labaca) que será rexeitado polo Concello. Antonio de Mesa, autor do edificio La Terraza, esboza un edificio máis complexo de planta lonxitudinal cun corpo rectangular central e dous corpos de base cadrada nos extremos unidos ao central por dúas galerías lonxitudinais. En total dous andares e soto, que serán 3 e soto nos corpos central e extremos. Por razóns estéticas o Concello volve rexeitar o proxecto de Antonio de Mesa que finalmente pasará a mans do arquitecto madrileño Luciano Delage y Villegas. Conceptualmente mantén a estrutura do edificio de De Mesa variándoo no aspecto compositivo.
Será no 1920 coas obras xa comezadas cando se cambie o uso do edificio a uso hoteleiro. Luciano Delage varía para elo toda a composición volumétrica perdendo lixeireza e diafanidade, e gañando volume e robustez. Elimínanse as galerías creando un único corpo principal. O edificio será rematado no ano 1923 volvéndose reformar no ano 1930 clandestinamente engadindo un terceiro corpo no pavillón central do que dirá o arquitecto municipal: “El Atlantic Hotel llevó a cabo la construcción de unas 7 habitaciones en un tercer cuerpo del pabellón central sin ningún proyecto de reforma. Se trata de obras clandestinas.”
O hotel e os quioscos formaban un fermoso conxunto na década dos '20 Hauser y Menet | I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña |
Nos anos '30 o conxunto formado por La Terraza, o Kiosco Alfonso e o Hotel Atlantic era impresionante e dunha beleza sen igual. Pero tras desa beleza “Beaux Arts” do Atlantic agochábase, como exemplo dunha das grandes contradicións da arquitectura ecléctica dos anos 20 e 30, unha tecnoloxía e unha estrutura que aínda non abondaba na cidade . O edificio contaba cunha estación produtora de enerxía eléctrica para poder atender o alumeado do edificio así como o ascensor, o montacargas, o ventilador e o aspirador. O material de construción do edificio será formigón hidráulico de cemento Portland que se usará tanto na súa estrutura coma nos muros.
O 9 de xullo é inaugurado o hotel, o cuberto do restaurante custaba oito pesetas. Dous días despois celebrouse un té de gran gala coa Orquesta Ibarra, titular do Hotel Palace de Madrid, custando a consumición catro pesetas. Tiña 70 habitacións e no seu vestíbulo celebrábanse concertos. No verán as súas terrazas altas, con espectaculares vistas sobre a badía, eran marco de comidas á americana e tés de moda. Polo hotel pasaron ilustres visitantes do mundo da política, a milicia e a cultura, como Miguel Fleta, Bernardino Machado, o almirante Nicholson, Cambó, Manuel Azaña, Raquel Meller, Concha Piquer, o mariscal Petain ou os xenerais Primo de Rivera, Sanjurjo, Martínez Anido e Cabanellas. Inicialmente, a pensión completa oscilaba entre 22 e 35 pesetas diarias.
194... | III Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
|
Nos ‘60, a pesar dos novos e elegantes hoteis, como o Embajador, Finisterre e Riazor, comezouse a dicir que o Atlántico, malia a súa beleza arquitectónica, non era axeitado para o crecente turismo coruñés. Foi entón nesa época cando xurdiron autorizadas voces na cidade, que dende os seus medios de comunicación manifestaron o atentado estético que suporía a demolición do Hotel Atlántico. Argumentaban que, aínda que o hotel funcionaba en réxime de concesión municipal e a pesar de que faltaban 27 anos para a finalización da mesma, o Concello debía rescatala. O propio alcalde Salorio así o recoñecía, nunha entrevista en La Voz de Galicia a principios de Xullo de 1966, engadindo: «Por un lado, el que obtenga la nueva concesión se hará cargo de los gastos de rescate; por otro, se proyecta la creación de un modernísimo hotel. Variará totalmente la configuración actual y en el interior habrá incluso una piscina».
Durante algúns anos os tres luxosos hoteis Palas, Embajador e Atlántico conviviron a escasos metros de distancia
|
En sesión do 15 de xullo de 1966 foi aprobado o anteproxecto do novo edificio, obra dos arquitectos Gaspar Robles e Enrique Sobrini. O propio arquitecto municipal, no seu informe, estimaba que “se transformaría un edificio anticuado en otro más de acuerdo con las modernas exigencias turísticas». A morte do vello Atlántico estaba pois, decidida. Un progreso mal entendido defende que o novo sempre é mellor có vello, e en Febreiro de 1967 o hotel será demolido. En 1968 xa estaba a funcionar o novo Hotel Atlántico con sete andares, 200 habitacións e forma de paralelepípedo, que proxectaba maior sombra sobre os xardíns adxacentes ademais de acabar co belo conxunto modernista dos xardíns de Méndez Núñez. Coruña cambiou, con esta manobra de especulación, unha xoia da arquitectura da cidade por, como definiu un día Franco dende o iate Azor, “Un cajón lleno de agujeros”.
Agora o Hotel Atlántico chega ao século XXI envolto en incertezas, dende o Concello fálase da recuperación da concesión para uso público cando caduque nos vindeiros anos. Será unha oportunidade para reconstruír o vello edificio? Ou para crear un edificio de vangarda que recupere o volume e a escala da zona? Sexa cal sexa a resposta os coruñeses temos o deber de facer presión para que o actual edificio sexa substituído.
197... | II Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña |
"Manuel Azaña en Galicia", Colectivo Republicano Tercer Milenio
"Arquitectura Perdida", Fernando Agrasar
La Voz de Galicia
Un buen trabajo, felicidades.
ResponderEliminarmi blog,
http://corunacapitalzara.blogspot.com/
puedes verlo si quieres y agregarlo.
O final quedou moi ben!
ResponderEliminar:)
Agora a traballar no seguinte, non?
un saudo!