Páxinas

12 de xuño de 2009

Entrada ao colexio Dequidt

I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

Aínda que fora fundado en Ferrol en 1850, o Colexio Dequidt comezou a súa actividade coruñesa en 1871. Fora creado polo profesor de Idiomas e Caligrafía Luis Dequidt Gantois, natural de Walloncappel (Francia) e pola súa esposa Victoria Hevia Ramírez, de San Fernando (Cádiz), mestra de nenas.

Na Coruña instalouse primeiramente no número 66 da rúa Real (entón chamada de Acevedo), ocupando os andares segundo e terceiro do edificio. O centro chamábase Colegio de Segunda Enseñanza para carreras especiales, estando adscrito ao Instituto Provincial de Santiago.

Ademais do propio Luis Dequidt, que impartía Inglés e Francés, daban clases o sacerdote Antonio Díaz Muiños (Xeografía e Historia, Latín, Grego, Retórica e Poética) e o oficial de Telégrafos Mariano Galán (Aritmética, Álxebra, Xeometría e Trigonometría).

O director fundador faleceu en Xuño de 1885, tomando o relevo o seu fillo Enrique Dequidt Hevia, que só tiña 24 anos. A partir de entón, o centro trasladaría a súa sede ao número 5 da rúa Juana de Vega, onde permaneceu ata 1900, cando foi trasladado a un edificio de nova construción, no número 96 do Camiño Novo (hoxe chamado Juan Flórez), en pleno Ensanche da cidade, rodeado de árbores e aire san.


Civís e militares
Aos seus anteriores departamentos de primeira e segunda ensinanza, o Dequidt enadiu os estudos de Comercio e de preparación para diversas carreiras do Estado, tanto civís como militares. O alumnado feminino seguía a ser dirixido por Victoria Hevia Dequidt, a quen axudaban as súas fillas Regina e Victoria. Adicóuselle tamén especial atención á sección de párvulos.

Os alumnos estaban distribuidos en internos, mediopensionistas, externos vixiados e externos libres. Os internos, segundo lembraría o historiador Meijide Pardo nun traballo sobre o Dequidt, satisfacían a cantidade de 80 pesetas ao mes e os mediopensionistas, 50. No derradeiro curso do século XIX, o colexio tiña matriculados nos cursos académicos a 102 alumnos.

Apuntaba La Voz de Galicia nunha reportaxe sobre o centro: «Las espaciosas aulas, llenas de luz, nada dejan que desear al higienista más escrupuloso, así como los departamentos dedicados a los externos, en donde se les da un trato verdaderamente cariñoso y familiar». Engadía sobre a capela: «En ella se han celebrado numerosas bodas aristocráticas». Dispoñía tamén dun bus escolar, o primeiro que se usou para tal fin na Coruña.


Profesorado

A comezos do século XX daban clases no Dequidt os seguintes profesores: Enrique Dequidt Hevia (a parte de levar la dirección impartía Francés), Francisco Aznar Cabana (médico), Luis Casares Bescansa (farmacéutico), Pablo Casasús Lacasa (licenciado en Filosofía e Letras), Ángel Cortijo Álvarez (licenciado en Ciencias), Enrique Costas Dequidt (licenciado en Dereito), Luis Dequidt Hevia (secretario e Caligrafía), Ramón Pérez Cirera (licenciado en Dereito), Casto Rosendo Tato (canónigo e Relixión), e Julio Wais San Martín (licenciado en Dereito e futuro ministro da monarquía).

Enrique Dequidt Hevia faleceu en 1912, substituíndoo os seus fillos Luis e José, levando este último a dirección.
________________________________________________

Ningún comentario:

Publicar un comentario