Páxinas

2 de mar. de 2010

Banco de España

Hauser y Menet | III Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

A sucursal da Coruña nace trala concesión ao Banco de España, en 1874, do monopolio de emisión de billetes en todo o territorio español. É a primeira sucursal do Banco de España en Galicia, froito da fusión co Banco da Coruña, facultado ata entón para emitir billetes na praza.

As primeiras oficinas do Banco, en aluguer, sitúanse na rúa de Riego de Agua nº 29. A mudanza á actual sede de Durán Lóriga ten lugar o 24 de abril de 1926, sendo director D. Pedro Pan y Gómez, máis tarde Subgobernador 1º do Banco.

O arquitecto D. José Astiz é o encargado da redacción do proxecto e da súa execución. O edificio, de 1926, concíbese exento, como unha peza acabada en si mesma. Escóllese unha disposición en planta simétrica arredor dun patio aberto, optando por un sobrio clasicismo de liñas austeras.

Para a súa construción empréganse materiais nobres e resistentes como a pedra de cantaría, o ferro para as reixas, e madeiras de primeira calidade. A súa posición recúase lixeiramente con respecto á aliñación da rúa, conformando un pequeno xardín sobre o que avanza a escaleira de acceso.

Merece ser evocada a inundación de 1953 sufrida nos sotos da sucursal na tarde do Corpus Christi. Unha forte tormenta coincidente coa preamar obriga aos claveiros a abrir a caixa reservada para poñer a salvo diversos efectos en custodia.

En 2007 finalizan as obras de ampliación do edificio. Segundo proxecto de D. Carlos Rodríguez Álvarez, esta nova construción preséntase como un bloque independente ao primitivo edificio, cunha estética moi actual. Ambas as dúas construcións comunican mediante unha zona acristalada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario