26 de mar. de 2010

Castelo de San Antón en 1901

Hauser y Menet | I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

Un escritor a mediados do XIX describía o castelo de San Antón coas súas fortes murallas case inconquistables e as súas explanadas provistas de 18 troneiras de cantaría con canóns de bronce do calibre 34 e 36.

Un destes, chamado culebrina, de tempos do emperador Carlos, tiña de longo sete varas e media e del se dicía que as súas balas acadaban máis aló da embocadura da ría de Ferrol. Nos extremos do patio interior atopábanse oito calabozos sen máis luz natural que a que entraba por un reducido postigo da porta, dispoñía de varias vivendas para o persoal encargado da custodia, unha capela e un alxibe profundo para recoller auga doce.

O illote foi empregado como lazareto até o século XVI e en tempos de Carlos I pensouse en convertelo en fortaleza, recibindo a súa forma actual no século XVIII cando se derruba a ermida de San Antón. A posibilidade de poder combinar os seus fogos cos das outras fortificacións de Santa Cruz, San Amaro e San Diego, supuxo unha maior seguridade da cidade e do porto, que chegou ser centro de aprovisionamento de escuadras.

Os seus calabozos foron testemuña de historias tráxicas e novelescas. A mediados do XVIII ocupounos Gaspar Enrique Sarmiento Sanjurjo de Valladares, do rexemento de Cantabria, acusado, en unión da súa nai, de asasinar o seu pai o marqués de Valadares. Foi un dos procesos de máis sona porque os reos, que se deixaron morrer de fame en prisión, estaban emparentados coa nobreza galega.

Cincuenta presos acusados de reaccionarios, partidarios de Fernando VII, foron asasinados en xullo de 1823. Tamén cumpriu penas o mariño Manuel Pereira, liberal que soubo manter vivo o espírito revolucionario daqueles tempos nos que os sotos da Audiencia ofrecían albergue para os seus plans conspiradores.

José Ricardo Díaz Pardeiro, "Miscelánea coruñesa"

2 comentarios:

  1. Santo Antón "hospedou" presos ben ilustres. En 1815 o insurrecto Sinforiando López. E seis anos botou entre os seus muros o prolífico Alessandro Malaspina.

    ResponderEliminar
  2. Imaxino que, coma o seu curmán de San Filipe en Ferrol, San Antón adoitaba ser presidio de ilustres.

    ResponderEliminar