Páxinas

25 de mar. de 2010

Hospital Marítimo de Oza

O actual Hospital Marítimo de Oza asenta encol das antigas instalacións do lazareto marítimo, inaugurado en 1888. Coa desaparición da práctica corentenaria , as súas instalacións, por Real Orde de 6 de agosto de 1910, son cedidas para construír o Sanatorio Marítimo de Oza, para atender nenos preturberculosos e con tuberculose ósea.

 Un recuncho do parque nos anos '20
O actual recinto alberga unha serie de edificios, algúns deles dun grande interese artístico e histórico.
  • Batería de Oza ou “Fortín”
  • Pavillón cirúrxico “Fernández Latorre”
  • Pavillón de Colonias
  • Hospital de Oza

Batería de Oza 

O Fortín era orixinariamente unha batería de artillería que formaba parte do sistema defensivo da cidade. Construíuse a finais do século XVI, tralo desembarco de Drake na praia de Oza. A súa actual estrutura data de 1797, obra do arquitecto militar Don Blas Gil de Bernabé. O edificio orixinal tiña un desenvolvemento en "U" cuberto por bóvedas de canón que aínda podemos contemplar. Cando se converte en Hospital Marítimo, instálanse as cociñas e comedores das colonias infantís. Trala guerra civil érguese un andar e se instala a orde relixiosa que presta os seus servizos no hospital. En 1999 a Universidade da Coruña procede á rehabilitación do edificio, obra dos arquitectos Manuel López Mihura e Sonia Romero. Instálase o Instituto de Ciencias da Saúde, no seu andar baixo atópanse os laboratorios de investigación e o andar superior é destinado a uso administrativo.

 Anos '10
Pavillón Cirúrxico “Fernández Latorre”
Instalacións do museo
O Pavillón cirúrxico foi inaugurado en 1913. Actualmente alberga unha unidade de psiquiatría de día e unha importante colección de instrumental cirúrxico co que se abriu un museo,  o seu interese radica en que se conservan o antequirófano e quirófano primitivo, o que o fai único en España. Outra importante obra relacionada co pavillón é cadro de Seijo Rubio que pintou en 1928, no que se pode ver  os cativos operados a tomar baños de sol.






Pavillón de Colonias

Destinado a acoller as Colonias Escolares, o edificio é obra do arquitecto Pedro Mariño, un dos arquitectos máis relevantes da nosa cidade. En 1929 é inaugurado polos reis Afonso XIII e Vitoria Uxía. O Pavillón foi reformado polo arquitecto Ramón de las Casas en 1997. Coa reforma incorporóuselle un alongado volume na fronte da fachada no lugar que ocupara a escalinata principal. Este volume supuxo unha traumática agresión á configuración do edificio programado por Pedro Mariño. Ocultouse parte da fachada e a escaleira na súa totalidade, alterando de xeito drástico o edificio máis emblemático de Oza.

 Pavillón das Colonia nos anos '20
 O Pavillón trala reforma dos '90. Foto: R. F. Rumbao

O Hospital Marítimo de Oza

O Hospital de Oza convertese en enfermería de guerra durante a guerra, para pasar posteriormente ao Padroado antiberculoso e en 1990 incorporarse á rede do Sergas. Na década dos '90  procédese ao derrube dos pavillóns e haberase erguer un novo edificio, obra dos arquitectos Alberto Pineda e Andrés Reboredo. O hospital segue unha estrutura rectangular en planta, destacando a súa claridade compositiva, potenciada pola simplicidade estrutural e a austeridade decorativa e funcional, sen dúbida unha das obras máis singulares da cidade.

Anos '20
O novo hospital de Alberto Pineda e Andrés Reboredo. Foto: Turgalicia
_______________________________

Ningún comentario:

Publicar un comentario