Páxinas

26 de mar. de 2010

Monumento a Aureliano Linares Rivas

I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

O pobo da Coruña decidira erixir unha estatua a Aureliano Linares Rivas en sinal de recoñecemento a todo o que fixera como deputado nas Cortes de Madrid pola nosa cidade. O lugar elixido foi o da Rosaleda, antigo asentamento da Batería de Salvas, limítrofe cos xardíns de Méndez Núñez.

Ao prestixioso escultor español Agustín Querol, que é autor tamén da primeira estatua dos citados xardíns, a de Daniel Carballo, encargóuselle a súa realización, mais se cadra outros urxentes proxectos e non o substancioso premio que lle reportou a lotaría nacional española, coincidindo coa súa estancia na Coruña para inspeccionar o lugar de asentamento, fixo que o propósito caera no esquecemento para se atopar, de súpeto, con que a estatua aparecera na estación dos camiños de ferro con grande sorpresa de todos.

Non se trataba dunha soa figura escultórica, eran dúas, fundidas ambas en bronce: a estatua de Linares Rivas e unha alegoría da historia que coroaba o monumento. O pedestal, en pedra de granito, era obra do mesmo escultor.

Tiveron que transcorrer catro anos até a súa inauguración nunha mañá do 10 de Agosto de 1912, procedendo o seu fillo Manuel a descorrer a cortina que envolvía a figura do seu pai. Manuel Linares era un coñecido autor dramático que no ano 1903 viviu a fatal coincidencia de que mentres se estreaba en Madrid, no teatro Español, a súa comedia Aire de fuera, protagonizada pola popular María Guerrero, el estaba prostrado ante o cadáver do seu pai.

José Ricardo Díaz Pardeiro, "Miscelánea coruñesa"

Ningún comentario:

Publicar un comentario