Páxinas

15 de abr. de 2010

Ábsida da igrexa de San Francisco

I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
A igrexa formaba parte do convento do mesmo nome situado na Cidade Vella, "fóra de murallas"; fronte o xardín de San Carlos. Unha lenda conta que San Francisco veu a Coruña, e en día de grande tempestade, tras ordenar á mar que se calmara, elixiu para situar o seu convento no lugar rochoso máis bravo e inhóspito, para frear nel os azoutes do mar.

Cronoloxía

1214: Fundación do convento segundo Enrique Vedía. Fundado por Fray Benincasa de Tuderto, enviado por San Francisco desde Santiago para este fin.

1262: Primeiras referencias históricas no testamento de Dona Teresa Yáñez de Deza e na sepultura de Dei Hernandus Joannes de Gube.

1390-1400: dos talleres chegados de San Francisco de Betanzos, enriquecen a escultura e a fábrica desta igrexa; un taller, herdeiro do 'estilo ourensán' labra os capiteis vexetais dos arcos torais do cruceiro e a portada occidental. Un segundo taller levantou as capelas menores absidais, con alicerces dobres e ampla decoración escultórica.

1424: Os franciscanos da Coruña uníronse á Reforma Observante. Este Convento debeu ser o suficientemente grande como para acoller numerosos capítulos provinciais, un centro de estudio e para hospedar os reis nas súas visitas a Coruña. Para reflectir a súa relevancia cabe citar a hospedaxe do Emperador Carlos I de España, para celebrar Cortes en 1520, días antes de ser coroado Emperador en Alemaña; ou que o mariño Juan Sebastián Elcano incluíu no seu testamento -Xullo de 1526- a bordo da nave Victoria no mar do Sur a petición de que se celebre neste convento unha misa cada día até o seu regreso a España. Entre as confrarías que existiron neste convento desde o século XV unha foi da Inmaculada Concepción, que deu titularidade ao mesmo.

1589: O convento é incendiado para evitar que a Armada Inglesa dirixida polo capitán Francis Drake se faga forte nel. A súa reconstrución foi acompañada dunha ampliación das murallas deixándoo no seu interior.

1651. Sufriu outro incendio pola voadura do polvorín de San Carlos.

S. XIX: O convento é ocupado polas tropas inglesas de Sir John Moore até a súa morte en 1809. Trala exclaustración -1835- pasou ao Ministerio da Guerra que o converteu en cárcere até 1879 en que se derrubou parte del.
Foi propiedade particular até 1937 cando é expropiado para uso militar. Os intelectuais da cidade reaccionaron solicitando a súa Declaración como Monumento Histórico-Artístico. Declaración que tivo lugar en Xaneiro de 1939.

1942. Os franciscanos regresan á cidade; a propiedade do inmoble conventual é aínda militar. A comunidade instálase nas proximidades da capela de Santa Margarida.

1964: traslado dos restos da igrexa, segundo proxecto do arquitecto Francisco Pons Sorolla, ao barrio de Santa Margarida, a un amplo soar propiedade dos Franciscanos e no que estes xa teñen un colexio. A súa estrutura foi alterada ao suprimir a nave lateral e alongar a nave central.

1976: o arcebispo compostelán Suquía crea unha parroquia nesta igrexa, aínda que a nave no se rematou até 1981.


E o resultado final dese traslado, habería que engadir, é máis ca cuestionable...

Colegio Franciscanos Coruña
CdePaz

Ningún comentario:

Publicar un comentario