Páxinas

26 de mar. de 2009

Homenaxe a Sofía Casanova

Pedro Ferrer, I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
Sofia Casanova (Almeiras, Culleredo, 30 de setembro de 1861 - Poznan, Polonia, 16 de xaneiro de 1958) foi unha poeta, novelista e xornalista galega moi prolífica.

Trasladouse moi nova, xunto coa súa familia, a Madrid, para poder estudar e formarse. Con só 15 ou 16 anos frecuentaba varias das tertulias na capital do Estado, onde xa se puña de manifesto a súa sede de coñecemento e de saber. Nestes círculos coñeceu ao profesor, filósofo e diplomático polaco Wincenty Lutoslawski, co que casou en 1887, mudando a súa residencia a Polonia; mais a parella e a súa familia viaxarán cada ano a Galiza durante o período de verán, o que lle permitiu Sofía manter unha relación directa coa súa terra. Os seus desprazamentos continuos, como consecuencia da carreira académica do seu home, combinounos co seu traballo de xornalista e co seu estudo dos idiomas dos países onde residiu, o que lle permitiu dominar oito linguas diferentes.

Esta actividade por toda Europa permitiulle vivir acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolxevique na Rusia tsarista e, sobre todo, as dúas grandes guerras (Primeira e Segunda) e a persecución dos xudeus polo réxime nazi no gueto de Varsovia. Como muller comprometida coa súa época e tamén para poder alimentar e sufragar as necesidades dela e das súas fillas, escribiu crónicas e opiniou acerca de cada un destes episodios da historia europea da primeira metade do século XX. Colaborou en xornais como ABC, La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid; na revista Galicia, noutras publicacións galegas e en prensa internacional como a Gaceta Polska e The New York Times.

No momento da fundación da Real Academia Galega no 1906, Sofía Casanova xa tiña traballo e recoñecemento a nivel mundial, o que motivou que fose nomeada membro correspondente deste organismo e que no ano 1952 se lle concedese por unanimidade o título de académica de honra.

Sofía Casanova só tivo fillas, o que motivou que fose repudiada polo seu marido xa que só un fillo varón permitiríalle cumprir coa súa misión mesiánica (inspirada polos versos do gran poeta Adam Mickiewicz e concretamente no seu poema Dziady de 1832) para salvar a Polonia. Por esta razón, en varias ocasións ela e a súa familia viviron ao límite da supervivencia. Por este motivo, tamén, no ano 1917, traballou como cronista de guerra na fronte polaca e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia. Voltou a Galiza completamente arruinada e case cega, aínda que sempre contou co coidado e co agarimo dunha muller de Almeiras que, ademais de facerlle compañía permanente, mantivo vivo nela o idioma galego e lle axudou no coidado das fillas. En 1938 visita A Coruña e a súa aldea por última vez; comezou nesta época a etapa máis dura da súa vida como consecuencia da ocupación nazi do territorio polaco e da II Guerra Mundial.

Sofía Casanova publicou novelas, contos, unha comedia, e mais de 1200 artigos en xornais e revistas en Galicia, España, e Polonia. A súa produción literaria, de narrativa, poesía e teatro foi moi prolífica. Inclúen catro coleccións de poesía, cinco novelas, oito novelas curtas, relatos curtos, unha obra de teatro, un libro infantil e oito volumes de comentarios sociais, culturais e políticos, a máis de máis de mil artigos en publicacións galegas, españolas, hispanoamericanas e polonesas. Impartiu numerosas conferencias sobre a situación da muller e relacións internacionais, tanto en España como en Polonia, traduciu obras clásicas desde o polonés e o ruso para o castelán. Como xornalista e cronista destacan os artigos publicados en ABC entre 1915 e 1936 e os títulos La mujer española en el extranjero (Madrid, 1910), De la Revolución Rusa (Madrid, 1918), Impresiones de una mujer en el frente oriental de la guerra europea (Madrid, 1919), La revolución bolchevista, Diario de un testigo (Madrid, 1920), El martirio de Polonia (Madrid, 1946).

Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica; así o manifestou nas súas colaboracións na prensa na guerra do Rif (Marrocos) e na Semana Tráxica de Barcelona; mais a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas no libro De la guerra no ano 1916.

Fonte: Wikipedia

1 comentario: