Páxinas

4 de mar. de 2010

EUSEBIO Lázaro DA GUARDA González

Fillo do emigrante portugués Gonzalo da Guarda e a coruñesa Juana González, naceu o 14 de Agosto de 1824 na Coruña e foi bautizado na parroquia de San Nicolao. Estudou pilotaxe na Escola de Náutica da Coruña e, dende moi novo, percorreu os mares do mundo.

Cando decide abandonar a mar á idade de 20 anos, emprégase como administrativo na casa comercial do armador de orixe asturiana Juan Menéndez onde, anos máis tarde, pasou a desenvolver a función de apoderado do seu principal.

O 30 de Agosto de 1854 tralo pasamento do seu patrón, contrae matrimonio coa súa viúva, Modesta Goicouría Cabrera, cando ela tiña 41 anos e el aínda non cumprira os 30; non tiveron descendencia.
O seu labor filantrópico tivo tres expresións materiais importantes, que perviven:
  • O grupo escolar Eusebio da Guarda na actual praza de Pontevedra (antigo Campo do Camaranchón).
  • A reedificación da capela de Santo André, actual igrexa castrense e antes hospital de Santo André (destruído en 1859 durante o asedio inglés á cidade), que era propiedade do gremio de mareantes.
  • O mercado da praza de Lugo.
As obras do grupo escolar remataron despois do seu falecemento e o mercado da praza de Lugo foi edificado tralo mesmo. A capela de Santo André foi motivo dunha longa controversia entre o Arcebispado de Santiago, o Gremio de Mareantes de La Coruña Hermandad y Misericordia, e o propio don Eusebio, xa que os tres se disputaban a propiedade do templo.

Estatua na súa honra na praza de Pontevedra, entre o instituto e o colexio que leva o seu nome

Eusebio da Guarda faleceu o día 22 de Marzo de 1897 e foi enterrado, por expreso desexo vivamente manifestado, na capela de Santo André, onde seguen a repousar os seus restos xunto aos da súa esposa, tras do Altar Maior, nun magnífico sepulcro de mármore branca.

Ao falecer previamente a súa esposa e carecer de descendentes, herdaron as súas irmás Luisa e Rosa, segundo o testamento que outorgara o 25 de Xaneiro de 1897 ante o notario da cidade José Pérez Porto, no que nomeaba testamenteiro a José Marchei Buhigas.

O seu enterro foi un acontecemento social dada a relevancia do noso persoeiro, até o punto de que o alcalde, Luis Argudín Bolívar, publicou un bando no que pedía o peche de todos os establecementos da cidade e que os farois luciran un lazo negro en sinal de loito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario