Páxinas

24 de feb. de 2010

Mercado municipal Eusebio da Guarda (praza de Lugo)

III Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña

O 9 de abril de 1910 inaugurábase na praza de Lugo o mercado Eusebio da Guarda.

O filántropo Eusebio da Guarda deixou nun dos apartados do seu testamento (25 de xaneiro de 1897) que tras dar fin ás obras do Grupo Escolar que se estaban a efectuar, as súas irmás e heredeiras haberían invertir 200.000 pesetas na construción dun mercado de ferro na praza de Lugo, para o que o Concello debía ceder o terreo que alí estaba explanado.

Así, no ano 1900, e unha vez rematadas as obras das escolas, o Concello comezou as súas negociacións con Rosa e Luisa Da Guarda para cumprir a vontade do seu irmán, tomando a decisión de que o legado se investiría no corpo central do edificio, e que a cargo do municipio correrían a edificación dos corpos norte e sur. O custo total ascendeu a 600.000 pesetas.

O arquitecto Pedro Mariño foi o autor do proxecto, dando comezo ás obras no ano 1901. No moderno mercado había mármores, mosaicos, marquesiñas, ferraxes artísticas, numerosos rexistros de auga, desaugadoiros e a luz que penetraba directamente polas cristaleiras.

O pavillón central tiña 52 postos, que se destinaban exclusivamente á venda de peixe fresco, mentres que os pavillóns laterais dispoñían de 45 postos cada un, onde se venderían legumes, pan, ovos, galiñas ou carnes de porco e vacún. Nas marquesiñas distribuíronse outros 28 postos máis para verduras, flores, froitas e outros artigos.

A inauguración das novas instalacións foi presidida polo entón alcalde da cidade, o señor Folla Yordi, acompañado polo primeiro tenente de alcalde, Lens Viera, e a irmá do benfeitor Rosa da Guarda.

A pesar da beleza arquitectónica do edificio, o mercado da Guarda foise quedando pequeno para o barrio ao que daba servizo, e optouse pola súa demolición por partes. A nave central foi a primeira en ser substituída por outra máis funcional, pero non demasiado estética, que comezou a funcionar a finais de 1958. Máis tarde edificaríanse os corpos norte e sur que substituirían na década dos sesenta, ao edificio que acaba de derruírse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario