Páxinas

25 de mar. de 2010

Hospital Marítimo de Oza

O actual Hospital Marítimo de Oza asenta encol das antigas instalacións do lazareto marítimo, inaugurado en 1888. Coa desaparición da práctica corentenaria , as súas instalacións, por Real Orde de 6 de agosto de 1910, son cedidas para construír o Sanatorio Marítimo de Oza, para atender nenos preturberculosos e con tuberculose ósea.

 Un recuncho do parque nos anos '20
O actual recinto alberga unha serie de edificios, algúns deles dun grande interese artístico e histórico.
  • Batería de Oza ou “Fortín”
  • Pavillón cirúrxico “Fernández Latorre”
  • Pavillón de Colonias
  • Hospital de Oza

Batería de Oza 

O Fortín era orixinariamente unha batería de artillería que formaba parte do sistema defensivo da cidade. Construíuse a finais do século XVI, tralo desembarco de Drake na praia de Oza. A súa actual estrutura data de 1797, obra do arquitecto militar Don Blas Gil de Bernabé. O edificio orixinal tiña un desenvolvemento en "U" cuberto por bóvedas de canón que aínda podemos contemplar. Cando se converte en Hospital Marítimo, instálanse as cociñas e comedores das colonias infantís. Trala guerra civil érguese un andar e se instala a orde relixiosa que presta os seus servizos no hospital. En 1999 a Universidade da Coruña procede á rehabilitación do edificio, obra dos arquitectos Manuel López Mihura e Sonia Romero. Instálase o Instituto de Ciencias da Saúde, no seu andar baixo atópanse os laboratorios de investigación e o andar superior é destinado a uso administrativo.

 Anos '10
Pavillón Cirúrxico “Fernández Latorre”
Instalacións do museo
O Pavillón cirúrxico foi inaugurado en 1913. Actualmente alberga unha unidade de psiquiatría de día e unha importante colección de instrumental cirúrxico co que se abriu un museo,  o seu interese radica en que se conservan o antequirófano e quirófano primitivo, o que o fai único en España. Outra importante obra relacionada co pavillón é cadro de Seijo Rubio que pintou en 1928, no que se pode ver  os cativos operados a tomar baños de sol.






Pavillón de Colonias

Destinado a acoller as Colonias Escolares, o edificio é obra do arquitecto Pedro Mariño, un dos arquitectos máis relevantes da nosa cidade. En 1929 é inaugurado polos reis Afonso XIII e Vitoria Uxía. O Pavillón foi reformado polo arquitecto Ramón de las Casas en 1997. Coa reforma incorporóuselle un alongado volume na fronte da fachada no lugar que ocupara a escalinata principal. Este volume supuxo unha traumática agresión á configuración do edificio programado por Pedro Mariño. Ocultouse parte da fachada e a escaleira na súa totalidade, alterando de xeito drástico o edificio máis emblemático de Oza.

 Pavillón das Colonia nos anos '20
 O Pavillón trala reforma dos '90. Foto: R. F. Rumbao

O Hospital Marítimo de Oza

O Hospital de Oza convertese en enfermería de guerra durante a guerra, para pasar posteriormente ao Padroado antiberculoso e en 1990 incorporarse á rede do Sergas. Na década dos '90  procédese ao derrube dos pavillóns e haberase erguer un novo edificio, obra dos arquitectos Alberto Pineda e Andrés Reboredo. O hospital segue unha estrutura rectangular en planta, destacando a súa claridade compositiva, potenciada pola simplicidade estrutural e a austeridade decorativa e funcional, sen dúbida unha das obras máis singulares da cidade.

Anos '20
O novo hospital de Alberto Pineda e Andrés Reboredo. Foto: Turgalicia

2 comentarios:

  1. Dame pena o cambio que se fixo co antigo edificio,onde pasei tres meses da miña nenez moi lembrado para min. Tiña 11 anos,teño 73, pero na miña memoria perduran moitas lembranzas dos médicos, señoritas, enfermeiras e das miñas compañeiras como se fose onte. Rosalía.

    ResponderEliminar
  2. Dame pena o cambio que se fixo co antigo edificio,onde pasei tres meses da miña nenez moi lembrado para min. Tiña 11 anos,teño 73, pero na miña memoria perduran moitas lembranzas dos médicos, señoritas, enfermeiras e das miñas compañeiras como se fose onte. Rosalía.

    ResponderEliminar